Monday 16 de September de 2024

Marta Abal reclama “transparencia e previsión” ao bipartito para a renovación do contrato de servizo de atención á infancia na Ludoteca María Miramontes


Preguntará no pleno de esta semana polo estado no que se atopa o expediente de contratación para a renovación do servizo cuxo contrato finalizou no pasado mes de agosto

Abal insiste que se trata dun tema “especialmente sensible” para as 430 familias usuarias: “que menos que estean informadas de como se vai prestar este programa de conciliación do que dependen para organizar as súas vidas”

No mes de agosto finalizaba o contrato para a execución e implantación do servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal da ludoteca María Miramontes. Agora, os socialistas pregúntanse en que estado se atopa a nova licitación do servizo do que, denuncian, “non hai novidades”.

“Estamos ante un tema especialmente sensible para moitas das familias que xa contan con este programa de conciliación para organizar as súas vidas” explica Marta Abal que lle reclama ao goberno local que traballe “con previsión e transparencia” para manter informadas ás familias das condicións nas que se vai prestar o servizo. A edil socialista demandará información sobre esta cuestión no pleno municipal, preguntando ademais se o executivo de Sanmartín contempla o cobro de algún prezo público ás familias usuarias do servizo que, ata agora, non o houbo.

Son arredor de 430 as familias usuarias do servizo da ludoteca de Fontiñas que arrincou no 2021 e que ofrece atención a nenas e nenos de entre 2 e 12 anos para a conciliación. Abal, aínda que recoñece que no plan de contratación de 2024 está prevista a licitación do novo contrato, amósase “preocupada” pola ausencia de avances mentres o servizo siga a prestarse “en precario”. Insiste a socialista en demandar “axilidade” na licitación do novo contrato, “imprescindible para garantir o bo funcionamento da ludoteca”.